Páginas

mércores, 18 de maio de 2016

Sabela e Guillerme

(Publicado en 15/05/2015 no antigo blogue "escumaevento. bligoo.es")

Sabela e Guillerme hanme desculpar o feito de lles galeguizar os nomes para esta ocasión. Das Asturias ámbolos dous, cando se coñeceron andaron a barallar que lles habería de ir mellor, por aquilo de estar xuntos, se facer unha casiña nun recuncho da montaña ou mercar un veleiro para ir dar unha volta derredor do mundo... Meu dito, meu feito: de iso vai para nove anos e agora deixaron o seu barco, o Tin Tin, a bo resgardo na Tailandia para viren botar unha tempada pola terriña...
Estiveron a nos visitar fai uns días e o Brendan anda cheo de fachenda por se teren retratado na súa cámara deixando prendido no ar o sorriso da boa xente. E tamén agradece as observacións feitas ó voo para que o nugallán do patrón vaia tomando nota:"deberías vixiar aquela válvula", "aquel cabo traballaría mellor doutro xeito..." Cousas así, nas que só repara de contado quen leva pola popa moitos miles de millas, inzadas das emocións que recolle o libro Mecida por las Olas, da autoría de Sabela, e dos consellos destros que abrangue o tratado para a navegación Desde la Mar, froito do traballo de Guillerme.
Agora andan ás voltas cun novo volume, próximo a ver a luz. Entre Mar y Viento, escrito entre os dous, combina a literatura de viaxe cos consellos práticos e recolle as experiencias adquiridas nas derradeiras singraduras polo océano Pacífico. Libros de cabeceira todos eles para quen guste do ar salgado e/ou pretenda desprazarse con seguridade a cobizo dunhas ás brancas impulsadas polo vento. 
Tamén teñen na internet abondoso material literario e gráfico produto das súas vivencias: