Páginas

mércores, 18 de maio de 2016

De Viveiro ata o Vilán

(Publicado en 28/08/2014 no antigo blogue "escumaevento. bligoo.es")


Dedicar preto de 40 horas en navegar as case 200 millas que hai dende Viveiro a Camariñas, ida e volta, para lle facer unha visita por terra ó Faro Vilán, a alguén que non ande nestas lerias puidera parecerlle unha loucura.
Non o é.
Os golfiños que dende Ortegal ó Artabro nos quixeron acompañar ó ir e ó vir, a maxestosidade do que seguramente é o manancial de luz máis impresionante de Galicia bañado polos primeiros raios do abrente e a camiñada a pé dende Camariñas ata os rochedos onde se asenta o faro son experiencias que xustifican o esforzo, malia que éste deba ser máis tarde precariamente reparado na deshora, cando as fadas palilleiras xogan a tecer insospeitadoss encaixes coas confidencias que trae e leva o vento quente da noite.
De regreso houben de lle facer a unha persoa benquerida a ousada confidencia de qe eu coñezo ó rei do mundo en persoa. Dou fe que é verdade. O rei do mundo é o amo da felicidade. Viste pantalón curto, calza sandalias e come de bocadillo. Mágoa de non poder tratalo eu máis a miúdo por andar un sempre ocupado en cousas máis importantes.