Páginas

martes, 24 de maio de 2016

lágrimas de Portugal (5)

(Publicado en 16/04/2016 no antigo blogue "escumaevento. bligoo.es")





Ás veces compre falar, recordar, conversar... compartir lembranzas, imaxes, emocións...
Un sinxelo intento colectivo para rescatar do esquecemento canto simboliza o 25 de Abril.
Para que un manoxo de caraveis vermellos sexan algo máis que un símbolo banal e continúen a frolecer con vida propia, anunciando unha esperanza, por sempre en primavera.
Por todo iso, verémonos o vindeiro sábado en Ferrol.
Convidados quedades.

*****************
Catro imaxes de como foi o evento:



lágrimas de Portugal (4)


(Publicado en 10/03/2016 no antigo blogue "escumaevento. bligoo.es")


MARÍA

Para quen non o saiba, o tuctuc é un veículo de tres rodas, construído co corazón dunha Vespa e a alma dun gladiador. Hai ducias deles a transitar por Lisboa e xa forman parte da paisaxe urbana. O seu sistema de ventilación faino ser especialmente atrativo para ir pola cidade neses días da canícula cando a danza ritual dos raios do sol se deixa entrever por riba do empedrado das rúas.
Non podería precisar os graos de temperatura que se respiraban mesturados coa humidade do Tejo cando saímos do Terreiro do Paço cara a parte alta da urbe, onde Alfama chega até os pés do Castelo de São Jorge. O tuctuc que nos levaba arremetía con determinación os repeitos costentos, carregando o peso dos tres pasaxeiros chegados desde o Brendan, que agardaba amarrado na Doca de Alcántara. Aos mandos do bólido ía unha piloto cuxa audacia nos facía agarrar con forza aos asentos para non sairmos despedidos polos aires nalgún bote provocado polas irregularidades do chan. Era unha moza de cabelo recollido en coleta que se volvía cara nós para nos informar por ríba do seu ombreiro “á nosa fronte temos a Sé Catedral, data do século XII e é a igrexa máis antiga da cidade...” “estamos a pasar agora por un bairro tradicionalmente ocupado por traballadores que habitaban edificios compostos por pequenas vivendas que compartían servicios en común...” “iste é o antigo bairro musulmán, ou da Mouraría, onde por certo nasceu o fado, non sei se ouviron falar da Severa...” “neste edificio que fica á nosa dereita había até non hai moito un hospital, onde por certo nacín eu...”
Aínda non o sabiamos, pero aquela moza era María. A revelación veu un pouco despois, nunha parada estratéxica para repoñeren folgos os viaxeiros e tomar un respiro o auto.
“Chámome María Morbey e son cantante de jazz”.
O tuctuc prosegue a súa viaxe até se deter de novo nun recóvado da rúa. “Isto é Alfama... da parte baixa da metrópole foi canto quedou despois do tremor e o conseguinte sunami que tivo lugar en 1755...” María fala con agarimo da súa cidade, case acariñándoa coas palabras. Despois dun breve silencio pecha os ollos e a súa voz cálida e doce obséquianos cun breve fado interpretado á capella que nos pon o sentir na frol da pel. “Non acostumo cantar fados, mais esta pequena peza foi composta para min por o meu pai, cando aínda era unha nena...” “O meu pai foi músico e arranxista, colaboróu cos máis recoñecidos fadistas. Era de orixe escocés, daí me vén o apelido...” E un xuraría ter visto neste intre pasar voando polos ollos dela unha sombra de saudade.
María, de presencia tan efímera nesta viaxe, aínda tería para nós o agasallo da interpretación espontánea dalgún outro brevísimo fado e da súa conversa, exercendo de apaixonada embaixadora da súa cidade desde o corazón da mesma, compartindo un copinho de ginginha nalgún recanto de Afama na hora do solpor do día previo á partida do Brendan. Este cronista lamenta non ter tomado oportunamente nota das letras deses fadinhos, de todas e cada unha desas historias regaladas por unha lisboeta que un sente coma se a mesma Lisboa falase pola boca dela. Ou coma se ela mesma fose Lisboa, unha determinada dama que exerce de condutora de tuctuc polas rúas empedradas sen esquencer por mor da calor nen do esforzo esa elegacia tan singular que esta cidade contaxia aínda dentro do seu propio caos. Unha elegancia prendida nesa luz súa, marabillosa e única, malia que nela habite a cotío unha sombra triste de decadente melancolía.
O recordo de María esvaécese con Lisboa dunha forma tan fugaz como aparece, tal vez para conservar o engado dun enigma sobre do que a fantasía poda construir historias etéreas. Para que esta cidade teña unha icona máis, a maiores da ponte sobre o Tejo, a Torre de Belém ou a efixie sublimada dun tal Fernando Pessoa. É a imaxe dun tuctuc de cor bermello que parte do Terreiro do Paço gobernado por unha dona que aínda que ela non o pretendera, ten representado para nós a encarnación humana da cidade mesma.



a redeira da chabola


(Publicado en 09/02/2016 no antigo blogue "escumaevento. bligoo.es")


O concepto de chabola nunha metrópole remítenos á imaxe ingrata do fogar marxinal erguido á presa botando man das miserias que a cidade pon fora de si. Porén, unha chabola rente ao mar é outra cousa. Unha chabola rente ao mar é, na sua idea máis tradicional, o espazo en terra firme dende o que se presta iso que agora se deu en chamar apoio loxístico a unha embarcación pesqueira. No seu interior gárdanse e revísanse as artes que están en desuso nese intre da tempada. Xeitos, volantas, brexas... agardan recollidos quén sabe se un cambio de lúa ou de vento para sairen de novo ao mar. E pode que os mais salientábeis  e asiduos visitantes das chabolas sexan as redeiras, habilidosas mulleres de calquera idade, destras en poñer precisas puntadas de sutura na ferida aberta de calquera aparello.
Antes de que a Xunta dese en facer para uso dos armadores asépticas dependencias de deseño funcional nas inmediacións dos peiraos ou nos propios portos, as chabolas adoitaban emprazarse nos baixos das vivendas, nas rúas dos pobos. Fidel a esa tradición, xusto debaixo da miña casa hai unha, coa súa correspondente redeira a traballar noite é día.  Mais non é un alpendre corrente. É unha chabola importante composta de dous andares, con baixo e entrechán, concurrida a cotío por moita xente.
Cando entro na Chabola —a partires de agora xa lle imos poñer o "C" en maiúscula—, na primeira hora da mañá, a nosa redeira xa está alí, ao rente mesmo da entrada. Ocúpase na reparación do aparello que pende dun cravo da parede, protexida pola súa bata de flanela do relente que se cola pola porta vidreira cada vez que entra ou sae algún dos moitos parroquiáns que visitan o lugar. Reparo nela mentres poño azucre no meu primeiro café con leite do día. Semella estar ao seu, o ollar fixo na agulla que porta o fío, co auxilio das gafas para ver de cerca. Está ao seu, pero... cada vez que a miro pregúntome onde estará o seu pensamento. Tal vez sexa a dona ou a nai do armador dono da peza na que está a traballar, e a súa preocupación sexa soamente decidir que prato de tarteira cociñar para o almorzo. Pode que sexa así, e os seus días se sucedan placidamente, dese xeito. Ou pode que non...
Polo medio do día, o local énchese de xente enfeitizada polo recendo anunciador de pucheiros cabalmente gobernados que chega dende o fondo do entrechán. Na repouso do aperitivo vólvome a fixar na redeira que segue a estar alí, a dar puntadas, coma se nada... Que haberá trais dese sorriso seu, que non quer ser nin deixa de ser, enigmático como a dun cadro renacentista...? Se cadra o seu pensamento anda perdido nalgún afastado retrinco da memoria, na ausencia dun ser querido presaxiada polo asubío do vento nunha escura noite de temporal...
Tralo solpor a Chabola é un foro destendido onde se está a falar de todo un pouco. O debate vai e ven do fútbol á política pasando polos mentideiros da vila. A redeira escoita e cala. Traballa en silencio, aínda non pousou a tesoira que desde pola mañá sostén na man. Por onde voa o seu pensamento nesta hora da fin do día? O seu sorriso ten agora un aquel de melancolía. Pode que lembre un remoto día de festa despois da procesión, cando sendo case unha nena aquel rapaz garrido que tanto lle gustaba a convidou a bailar...
Un tal Ramón, de Bilbao, que me agarda cada día na Chabola faime unha confidencia de amigo. "Fíxate que ao rente da redeira hai unha sinatura. É do Dani Kaxete. Pregúntalle. El foi quén trouxo a redeira, e saberá mellor que ninguén, se cadra, en que pensa a muller..."



lágrimas de Portugal (nota previa)

(Publicado en 07/10/2015 no antigo blogue "escumaevento. bligoo.es")


nota previa
A finais de 2012 remataba quen suscribe, xunto con outras persoas, unha grata viaxe en barco á vela ao son da costa de Galicia. Esa viaxe, vindo desde Ribadeo até pasar cara ao sul a raia que marca o Miño, veu render singradura na boca doutro senlleiro río galego-portugués, o Limia, que da sua foz fai berce para acobillar o sereo sono que semella durmir Viana do Castelo. Os apuntes tomados nesa viaxe xunto con algún outro de apócrifa procedencia remataron por dar pé a un fato de follas que acadaron presencia de libro ao abeiro do título Camiños de escuma e vento. (Notas dunha viaxe á vela polo mar de Galicia). Unha das persoas que deixaron ir un anaco do seu tempo nesa viaxe foi o multidisciplinar artista viveirés Xosé Luis Neira Brochs, “Neira”, quen altruistamente e con xenerosidade de amigo viría enriquecer o devandito volume cunha serie de fermosas ilustracións capitulares ben proprias do seu persoal xeito de lle poñer cores ás emocións.
Embora, pasado o tempo necesario para que ficasen esvaecidos na memoria os prudentes votos de non reincidencia en audacia literaria algunha, a inquedanza persoal deu en escoitar unha vez mais ao tunturuntún do tambor da aventura a soar de novo alén do horizonte. Non foi difícil implicar a Neira nun novo proxecto compartido que dese lugar ao presente volume, e ambos os dous estivemos de acordo desde o principio en que o punto, non só de partida senón tamén de retorno debería ser Viana do Castelo, por consideracións que mais adiante imos ver.
Para quen escribir, para quen debuxar, pintar historias, emocións...? Para quen vai ser... Tamén nesto estivemos de acordo. Pois para os amigos, para a xente que nos acompaña, para a que nos soporta e para todos aqueles que de boa vontade suban a bordo como reincidentes ou primeirizos a nos acompañar no Brendan, en presenza ou en espírito. Así que unha vez mais, collan sitio e póñanse a gosto, que nun nadiña imos arrear cabos. Prometemos facer o posíbel para non provocar mais mareo do indspensábel nesta nova singladura, real ou virtual. A satisfación de entreter tan singular tripulación formada ao tuntún por un eclético fato de sufridos leitores non é obxectivo banal. Boto man dun chisco de retranca para dicir que confío non nos confunda o rumbo na agulla do compás a fachenda de pretender entrar no parnaso literario dacabalo destas liñas. E Neira, —como ben saberá quen o coñeza de preto—, está moito de volta de calquer tentación vaidosa. Imos á procura de historias vellas para as remexer ao noso gusto co permiso dos euruditos; e doutras historias que están na boca da xente que as posúe para lle las contar tamén, neste caso sen licencia de ninguén. Poñeremos a espontaneidade por diante de calquer anceio de perfeción, a emoción antes que o dato e cando as circunstacias o requiran habemos fiarnos máis da fantasíaa propia que do rigor alleo. Non podería ser doutro xeito, postos a nos ocupar do vello Portucale, terra de soños.
Imos viaxar pois unha vez mais pola auga e pola terra, pola luz e pola sombra, polo tempo e a distancia, por ese espazo interior onde ningunha emoción durme un sono sosegado. E tamén pola lúa e as estrelas, polos benqueridos astros do universo habemos ir de novo algunha vez, se o tempo acompaña.
Por que Portugal? Porque está aí, tan próximo na terra como nos sentidos. Por todo canto suxire unha bagaxe cultural que fascina. Porque dicir Portugal e nomear o mar vén sendo a mesma cousa dende a noite do comezo da sua historia. Unha historia a miúdo común coa de Galicia e resolta moitas veces á labazada co reino de Castela e os seus achegados. E tamén —porqué non dicilo?—, como un acto persoal de desagravio por atitudes alleas das que un sente vergoña, dispensadas a miúdo dende este lado da raia coa soberbia inorancia de mirar por riba do ombreiro a esa terra irmán que tanto ten para ofrecer e da que a miúdo tanto se descoñece.
Portugal fica aí desde o medievo, tempo no que o que hoxe chamamos Europa se rexía polos preceitos do feudalismo, un sistema de poder vertical que tiña na súa base moreas de servos sen dereitos e no cumio aos soberáns da época, a cotío en guerra ou en alianza, até, cando cadraba, co propio papa de Roma. Polo medio, toda unha xerarquía de señores, condes, duques e demais estamentos da nobreza, donos á súa vez das vidas e facendas de servos e vasalos. Dentro deste contexto de poder militar obviamente a guerra era a principal industria e a península Ibérica o máis cobizado escenario onde a levar á prática.
Acontecéu que no século VIII, segundo conta a historia oficial, tropas provenientes do norde de África atravesaron o estreito de Xibraltar e, en pouco tempo, facerse cargo ían da totalidade da península de non ser polo montaraz Pelaio que se revirou á pedrada contra dos invasores desde os penedos de Covadonga(Historias menos oficiais están a soster visións alternativas destes feitos, pero non é o noso propósito entrar en liortas que non nos corresponden).
Sexa como quer que fose, unha longa guerra chamada daReconquista estaba servida ao abeiro da fePorén, á marxe de cuestións espirituais, iste comportamento bélico que se prolongaría por máis de oito séculos constituiu un negocio motivador para esa industria militar feudal. Os “mouros” trougueran consigo novidosossistemas agrarios. Novos cultivos modernos métodos aplicados aexplotacións de todo tipo fixeran posíbel o florecemento daeconomía e a cultura máis vangardistas do seu tempo. Terras e cidades que baixo a administración musulmana eran a envexa do mundo coñecido constituían tamén codizado botín de guerra para os belicosos reinos cristiáns do norde que ao abeiro da cruz e máis da espada levaban a cabo campaña tras campaña contra do patrimonio dos “infideis”, favorecidas poloinnevitabeis conflitosinternos nos que éstes tiñan por costume learse. Este longo confronto daría tempo nos dous bandos contendentes a frecuentesrivalidades e pelexas internas a miudo favorecidas con alianzas e pactos co enemigo.
No que hoxendía é Europa, noutros reinos non fronteirizos cos territorios árabes, algúns membros da nobreza feudal, sinaladamente aqueles que por non seren primoxénitos das súas respectivas casas tampouco eran herdeiros dunha abondosa facenda, facían da guerra a súa primeira ocupación e comandando mesnadas de vasalos guerreiros participaban na chamada Reconquista en sociedade con algún dos reinos cristiáns a cambio de tomaren parte no reparto dos bens incautados ao enemigoOu sexa, un xeito mercenario de guerrear.
Afonso VI de León, alcumado “O Bravo”, foi un belicoso rei que gobernou entre os séculos XI e XII cunha notábel ambición de poder. Non conforme con ser señor do reino de León que recebera en herdanza do seu pai Fernando I, arrebatou —segundo contan as crónicas— aos seus irmáns Sancho e García pola vía das armas os reinos de Castela e Galicia, respetivamente. É o rei sospeitoso de cometer crime na persoa dun irmán, do que se ocupa o Cantar del Mío Cid na Jura de Santa Gadea. Na loita cos musulmáns este soberano trouxo na súa axuda a Raimundo e Enrique de Borgoña, dous deses nobres estranxeiros dedicados ao oficio da guerra. Enrique, ademais de casar con Teresa, unha das fillas do rei, recibira polos servizos prestados o territorio comprendido entre os ríos Miño e Tajo, que sería declarado independente polo de Borgoña despois da morte do seu sogro. Deste xeito nacería o condado de Portugal, e sería o fillo de Enrique, Afonso Henriques quen levaría a cabo a completa emancipación do novo país erixíndose como o seu primeiro soberano despois de pelexar en guerra contra da súa propia nai, leada en amores cun sobranceiro membro da nobreza galega despois de enviuvar do cabaleiro borgoñés.
Moitas reviravoltas leva dadas dende aquela a antiga lusitania romana. Gobernaron reis que se dicían labregos, navegantes, poetas... Tivo lugar a expansión marítima. Houbo guerras a cotío, maiormente contra dos viciños casteláns. Tempadas de absolutismo, república, ditadura, revolución, eurodemocracia... Esplendor, decadencia e volta a empezar, parece ser tamén o sino de Portugal. Nove séculos van transcorridos e canto ten ocurrido nesa terra desde entón daría para escribir un apaixoante tratado de historia, pero esa tarefa non entra dentro da nosa capacidade nindas nosas pretensións. Ademáis xa é tarefa comprida por outros antes de nós. Un volume que malia as súas oitocentas páxinas tidúase “Breve historia de Portugal”, viaxa connosco. É da autoría de A. H. de Oliveira Marques, historiador recoñecido non só polo seu eminente traballo senón tamén pola súa participación activa na loita contra a ditadura salazarista. “900 anos a irritar os Espanhois. Séculos de amor e ódio entre dois países que cresceram a discutir”,de Margarida de Magalhaes, é outra obra que nos acompaña. Aínda que máis leviano que o anterior no volume e no contido, engade un delicioso punto de ironía ás cousas do pasado das que trata, o que é moito de agradecer porque sen unha dose de humor, como é sabido, non é doado viaxar. E a cousa non remata aí, nisto da historia observada polo filtro da retranca. Joaquín Fernándes, profesor da universidade Fernando Pessoa do Porto, coa coa habelencia singular de revirar ao seu xeito aqueles pasaxes se cadra menos coñecidos do devir do súa terra. O seu libro “História prodigiosa de Portugal. Mitos e maravilhas, onde se relatan feitos excecionais da lusitanaa gesta” non ten desperdicio, e por iso tamén vén a bordo.
Toda historia de amor que se prece compre ter no seu comezo un feitizo e a miña historia de amor con Portugal non vai ser exceción que quebre regra. Debo facer lembranza dunha primeira viaxe un pouco esvaecida xa nos retrincos da memoria. Incursión feita até a capital do país cando aínda ficaban visibeis as pegadas das pingas de aceite ceibadas polos tanques do brigadeiro Junqueira dos Reis na Rúa do ArsenalFacer comparanza da primeira impresión que me deixou aquel Portugal inmerso no “Proceso Revolucionario en Curso” posterior ao 25 de abril con este de hoxendía sería tarefa de longo percorrido, que deixamos para máis adiante. Outra viaxe singular foi feita en bicicleta na compaña de dous amigos en setembro do ano 1985 desde Viveiro até Coimbra, en catro días deesforzado pedaleo. Desta viaxe tamén se poderían recuperarsorrideiras lembranzas cando menos curiosas, como cando lle preguntamos a un garda metropolitano do Porto pola “estaçao dotren”, e que tamén deixamos para contar cando cheguemos no presente relatorio á cidade do Douro.
Mais non sabía entón que a Porto habería de viaxar nos anos sucesivos con tanta frecuencia que un xa perdeu a conta. Aí vai a explicación.
Por mor do meu oficio de impresor tomei contacto a mediados da década dos oitenta cunha compañía establecida no Porto, que sededicaba a prestar servizos de “fotomecánica” ás empresas de artes gráficas que lle los demandaban. Chamábase “Colorgráfica” e tiña o seu obradoiro no barrio do Amial, perto do hipódromo da cidade. Unhas instalacións de vangarda ubicadas nunha desas rúas portuenses de segunda orde, con apenas vehículos a transitar polo seu chao empedrado de lastro, roupa a secar nas fiestras, gatos a durmir na beirarrúa e unha diminuta pastelaría na esquina,sinalada por un parasol amarelo xentileza dunha marca de café. Estamos a falar da alborada da era dixital, recentemente introducida daquela no sector gráfico por unha compañía americana que desde entón está a facer computadoras persoaisusando como destintivo a imaxe dunha mazá encetada. Nese tempo, os a día de hoxe antediluvianos escáneres cilíndricos, por mor dos seus prezos prohibitivos e do seu complexo funcioamento eran competencia exclusiva das devanditas fotomecánicas, cuxa laboura, era para quén non o saiba— a separación a cor representadanunhas transparencias de plástico, os “fotolitos” que se ben hoxe xa son historia, daquela e por ben anos foron empregados polos impresores de todo o mundo para obter a planchas de aluminio coas que logo traballaban as máquinas de imprimir.
As miñas visitas á “Colorgráfica” foron frecuentes nos anos sucesivos, xustificadas por unha razón de peso: o custe deste servizo por parte desa compañía , impecabelmente fornecido, por outra parte, era apenas un terzo do que se aplicaba en calqueira outra do seu ramo no estado español. Coido que coñecín e aprendín a amar a Portugal no curso destas viaxes a Porto nas que eran frecuentes longas esperas, ás veces ata de días, agardando porque o traballo ficara pronto coa única ocupación entretanto de dar conformidade a algunha ocasional proba cando era preciso. Restaba tempo para camiñar de vagar cargando no ombreiro algunha cámara de fotos equipada con rolos a branco e negro que logo pasarían polo cuarto oscuro para alimentar unha nacente afición á fotografía que ao longo dos anos había de ir esvaecendo... Viaxes e máis viaxes ultrapasando a raia pola vella ponte de ferro que por Tui atravesa o Miño, vixiada nas correspondentes alfandegas dunha e doutra beira por funcionarios interesados en perseguir o tránsitonon declarado de alixos de café en grao ou aparellos eletrónicos, pero non dunhas follas de plástico chamadas fotolitos, producidas no Porto e pagadas en escudos sen coñecemento do fisco. Con todo, tiña o seu aquel de aventura burlar a cotío a vixiancia policial, a miudo despois de soportar os atascos kilométricos provocados polo propio control da alfandegaQuero pensar, non sen a correspondente ironía, que no intre en que estas liñas vexan a luz os delitos referidos estean convenientemente prescritos por parte da autoridade correspondente. E que esta confesión sirva apenas para me considerar membro a título testemuñal e non sen o correspondente orgullo, da honorabel confraría dos aventureirosda raiade pertencer por mérito propio á sociedade segreda dos contrabandistas doutrora.
Imos zarparSó nos queda acomodar con nós algúns ilustres viaxeiros que non deben ficar en terra. Son xente de letras, que nos han prestar prezado auxilio na presente singradura. José Saramago coa súa “Viagem a Portugal” ocupa lugar de honra. Á súa beira vai a “Oda Marítima” do lisboeta Pessoa, a quen por certo doutro poema seu —“Mar Portugués” pillamos prestado un verso para titularestes textos. A continuación Raúl Brandao perante “A Pesca doBacalhau” e máis “Os Pescadores” poñen o punto de sal necesariona auga desta travesía marítima. Non son os únicos, desde logo. Dalgúns outros habemos ir dando conta máis adiante a medida de que botemos man deles para ilustrar a palabra. Sen esquecer aodoutor trasmontano Miguel Torga que nos acompaña representado nunha breve xoia da literatura de viaxes, “Portugal” onde nos ofrece unha exquisita descrición, case fotográfica dalgunhos recantos do seu país. É a él a quen demandamos uns versos axeitados para este momento cruzal da anunciada travesía que xa está a comezar. Conforman un fermoso poema que se titula “Viagem” e que facemos nosos para xa e dunha vez, nos facer ó mar. Din así,
É o vento que me leva.O vento lusitano. É este sopro humano Universal Que enfuna a inquietação de Portugal. É esta fúria de loucura mansa Que tudo alcança Sem alcançar. Que vai de céu em céu, De mar em mar, Até nunca chegar. E esta tentação de me encontrar Mais rico de amargura Nas pausas da ventura De me procurar... 
Tomei nota, don Miguel. Imos alá.
_______________________
(Continuará, se cadra, ao longo de varios capítulos que verán a luz  en forma de libro —se a audacia dalgunha ousada editora o fai posíbel— xunto coas anteditas imaxes da autoría de X.L. Neira).