Páginas

mércores, 18 de maio de 2016

longa vida a A RIBEIRA

(Publicado en 10/07/2014 no antigo blogue "escumaevento. bligoo.es")









"Os nomes das cousas / a forza de usalos / mil veces terán mudado", xa o cantaba Benedicto hai mais de trinta anos e o tempo estalle a dala razón todos os días. Cantos se lembran en Viveiro da Ribeira? Pouca xente. Barrio proletario dun pobo deitado rente ao mar, encadrado neste outro pobo no que o poeta Carlos Oroza sostén "ter nacido, pero que xa non existe". Arrabaldo viveirés que marcaba territorio dende o castelo da ponte ata a fonte da Area e o calellón do Muro, onde definían as horas e o rebulir da vida as campás de San Francisco e a serea da rula. Mentideiro de vangarda até con dialecto propio, practicado a cotío con descaro e sen rubores nos apaixoados debates mercantís celebrados cada mañá derredor das transaccións ao por menor na praza do peixe. Medias ducias, ducias e ducia e media de chicharros, curriolos ou sardiñas xeiteiras dispensadas con dilixencia profesioal nas páxinas atrasadas do diario AS ou da Folla do Luns. (Aínda autoridade sanitaria algunha reparara na perigosa toxicidade da tinta das rotativas, motivo polo cal ninguén chegou a envelenarse nunca por mor de tan mediáticos envoltorios). Dinámico centro de información local ou comarcal, segundo cadrase, con mesas de redacción tan senlleiras como as das desaparecidas tabernas da Avilesina, Pepa da Nacha ou as Matías. Era e aínda é "a Ribeira" para aqueles que adeprendemos as letras nunha pizarra de lousa enmarcada en madeira de vidueiro, con pizarro do mesmo mineral como útil de escritura e a punta do dedo índice previamente untado de cuspe como instrumento de corrección e reseteo. Transformóuse na "Pescadería" para os nosos fillos, afillados eles da libreta de papel e o Bic cristal. E quedóu reducido aos asépticos nomes das súas rúas para os nosos netos, discípulos do ordenador e a videoconsola. E quen nolo diría a nós, os da quinta da pizarra, cando imos chegando a vellos, que habíamos andar de novo con outra pizarra ás costas. Aparello que segundo os casos tamén dispón dun pizarriño para practicar a escrita e o resto das funcións execútanse, —igual que ocurría nas suas antecesoras—, premendo coa multiusos xema do dedo. Estamos en tempos de cambio onde, maiormente aos nosos fillos e netos, as novas non lles chegan impresas nas follas do xornal aquelas coas que máis tarde se envolvían as sardiñas. Estamos nos tempos do ordenador, dos teléfonos mobeis e mesmo desas pizarras modernas que, non sei por que, se teñen que chamar tabletas. Un novo medio de comunicación acaba de ver a luz. Adaptado aos tempos que corren, desexámoslle e agardamos que faiga honra ao seu nome apropiándose dese espírito ribeirano, plural, desinhibido e algo canalla, de arrabaldo senlleiro, case de tango e bandoneón, do barrio viveirés ao que lle pidiu emprestado o nome para o seu cabeceiro. Longa vida a A RIBEIRA.
Publicado en A Ribeira (O dixital de Viveiro), o 17 de marzo de 2014