Páginas

mércores, 18 de maio de 2016

emocións no museo

(Publicado en 10/07/2014 no antigo blogue "escumaevento. bligoo.es")



















Emocións. Con esta suxerinte presentación as institucionais salas do nobre casa museo da Praza da Soedade, dende as oito da tarde de hoxe e ata finais do vindeiro mes de Xullo acollerán unha escolma da laboura do polifacético artista viveirés Xosé Luís Neira Brochs, persoa singular, honesta e valente, que nos seus anos mozos, nalgún momento indeterminado desa prezada idade na que aínda todo o tempo é porvir, decide con firmeza prescindir de moito para non renunciar a nada e como consecuencia desa decisión abandona unha prezada praza de empregado do estado para se embarcar nunha incerta viaxe iniciática que o levaría por Europa adiante para ser testemuña en primeira persoa de máis de medio século da controvertida historia deste mundo convulso que nos tocou en sorte.

A bohemia parisena de Montmartre en Maio do 68 ou os dous Berlíns separados por espiñas de aceiro nos 70 serían algúns dos senlleiros escenarios europeos nos que o noso protagonista faría parada para fornecer esa sensibilidade creativa que habería de dar máis tarde como froito un longo ronsel de obras —levadas a cabo con pincel ou lapis, con formigón ou ferro, ou con eses vidros de cores capaces de tinguir a luz con atrevidos xogos de figuras imposíbeis—, para rematar morando veciño dun areal rochoso onde cada vez que Poseidón se revolve no seu leito fican núas as testemuñas dunha vila revirada co debaixo para riba polo deus dos mares na noite dos tempos. Esa mesma deidade veleidosa que nas noites insomnes de incontida orxía creativa haberá de brindar motivos para dar á luz con vigoroso trazo unha apocalíptica sinfonía de mastros derrubados e cadernas partidas mesturadas no escumallo auguento por unha luz verde e vermella tan impropia da razón que só os ollos do artista posúen. Esas mesmas augas que Neira percorre a cotío navegando á vela —damos fe— noutros navíos tripulados por irredentos fantasmas de capitáns solitarios esvaecidos nas mesmas escumas e nos mesmos ventos dos que unha vez Josep Conrad afirmou traeren a vida e mais a morte.

Artista pertencente a ese reservado club dos que levan a humildade por bandeira nas súas relacións persoais co mundo exterior, non lle quedou outra —así nos consta—, que ceder ó acto de elemental xustiza promovido dende o noso Museo coa loabel intención de brindar ós cidadáns a posibilidade de apreciar de cerca esta mostra de obras de arte que non deixan de ser, en definitiva, a traxectoria dunha vida condensada nun cento de emocións que calquera que se prece do seu museo non debería deixar de contemplar.
Publicado en A Ribeira (O dixital de Viveiro), o 26 de xuño de 2014