segunda-feira, 5 de dezembro de 2016

"tres balas"


É o derradeiro título publicado por Edicións Embora. Aquí vos deixo a nota que o autor —individuo ben coñecido neste blogue— suscribe ao comezo do mesmo:

"O presente atrevimento narrativo tivo unha xestación pouco menos azarosa que as desventuras das súas personaxes. Iste texto data de hai xa algúns anos, e foi iniciado coa idea de contribuir con un relato aínda menos extenso que o presente nun proxecto editorial compartido que non se chegaría a materializar, de xeito que o texto inacabado ficou esquencido ata que o azar fixo que pasada unha boa tempada aparecese, xusto cando un andaba a procurar outra cousa nun deses minúsculos aparellos onde se gardan arquivos dixitais. Estaba, como dicía, inconcluso e foi cousa de lle engadir o derradeiro capítulo dos tres cos que conta, para lle poñer o debido punto e final.
A súa redacción foi perpetrada sen botar man de calquer guión ou esquema previo; simplemente, a partires dunha idea inicial foronse engadindo algúns personaxes e situacións na medida que o devir da narración os demandaba, pretendendo facer un aceno de simpatía a ese subxénero coñecido como “pulp” para identificar á literatura popular ou de quiosco. E tal e como se adoitaba indicar ao comezo desas humildes novelas —nas que sangue, sexo e ruindade son ingredientes de rigor—, calquer semellanza coa realidade é puramente casual. Ben certo é que aínda que unha boa parte das situacións que se recrian fan parte da memoria rural da infancia do autor, estas na realidade nada tiveron que ver entre elas e aparecen aquí mesturadas unicamente pola ficción dunha trama que só pretende —cobizada arela— entreter. Vén isto a conto para lle advertir ao eventual lector que non agarde achar neste curto relato virtude algunha que o faga merecedor de pertencer de por sí ao excelso reino da literatura, e que o alumeamento do presente volume débese diante todo á xenerosa vontade da editora amiga que, coñecedora da súa existencía decidiu dar ao prelo o texto orixinal singularmente enriquecido polos debuxos do benquerido amigo Xosé Luis Neira, ata acadar  presencia física na forma deste xeitoso libriño que quén está a ler sostén nas mans."

Por se quixérades asistir ao acto de presentación do mesmo, convidados quedades: